
A Asociación Cultural O Brado, por medio da presente, pon no seu coñecemento que o Padroado dos Premios S. Martiño de Normalizacion Lingüística, celebraron reunión para fallar os Premios S. Martiño do ano 2009, que serán entregados nun acto público o vindeiro xoves, 12 de novembro ás 20.00 horas no Teatro Principal da Estrada.
Os premios, concedéronse, nas súas 3 modalidades, A Estrada Terra de Montes – Galicia Enteira e Toda unha vida.
Premios á difusión da lingua na comarca de Tabeirós Terra de Montes:
Outorgado á Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande,
Esta asociación veciñal de carácter cultural, dinamiza e promove centos de iniciativas que estruturan e vertebran a vida da parroquia. Polo seu constante traballo a prol da nosa cultura, coa lingua como ben irrenunciable da nosa identidade e vehículo de comunicación entre as distintas xeracións de veciños e veciñas de Ouzande, así como o exemplo infundido en todas as persoas e entidades estradenses e comarcais que aglutinan no exercicio da súa actividade.
Premio á normalización no ámbito galego:
Outorgado a D. Carlos Varela García(fiscal superior de Galicia)
Pola súa implicación na promoción do galego dende hai moitos anos, como membro da fiscalía. En especial, pola súa implicación incondicional en iniciativas que, con carácter transversal, introduciron o galego en sectores estratéxicos como o ámbito da xustiza, ademais doutros moitos. Traballador incansable, é sempre un firme aliado de todas as iniciativas que dende os distintos puntos de Galicia se leven a cabo a prol do idioma.
Premio á normalización durante toda unha vida:
Outorgado a D. Xosé Luis Franco Grande (fiscal superior de Galicia)
Nacido en Tebra – Tomiño (1936). Escritor e avogado galego.
Estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Promotor da Editorial Galaxia, e de múltiples iniciativas de carácter galeguista. Membro da Real Academia Galega, é autor dun dicionario galego – castelán que se constituíu nunha auténtica referencia e ferramenta indispensable nos primeiros anos da recuperación do galego. Está en posesión do Premio Nacional de Literatura Rosalía de Castro (1968). Foi varias veces galardoado nas Festas Minervais e obtivo tamén o premio Eduardo Pondal grazas ao seu poemario Brétemas de vieiro. É autor tamén de varias pezas teatrais, dun dicionario galego-castelan, e cultiva tamén o ensaio e a crítica literaria.
Obra: Vieiro choído, 1957 (teatro)
Entre o si e o non, 1967 (poemario, reeditado en 2002 na Biblioteca Galega, da Voz de Galicia).
Diccionario galego-castelán, 1968
Vocabulario galego-castelán, 1972
Os anos escuros I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-1960), 1985 (ensaio)
O tempo á espreita, 1987 (poemario)
A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras, 1991
Francisco F. Del Riego, 2001 (biografía)
Os anos escuros: A resistencia cultural dunha xeración, 2004, Galaxia.
Son Membros do Padroado:
Xosé López Vilariño
Manuel SanmartínObelleiro,
Alfonso Vázquez Moares,
Félix Rodríguez RegueiroEnrique Vázquez Pernas
Lourdes Dono Piso
Iván Sanmartín
Carlos Andújar Mato
Valentín García Gómez
A Estrada, 29 de outubro de 2009
Sem comentários:
Enviar um comentário
Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: