Mostrar mensagens com a etiqueta peneiradixital. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta peneiradixital. Mostrar todas as mensagens

7/20/2013

Sabías que...?:::

O corso entra na liga das linguas minoritarias en Bruxelas? O corso é a lingua propia da illa francesa de Córsega, fálase tamén na Gallura e norte de Sardeña. É próxima á variante toscana do italiano e a Unesco mantena no grupo de linguas minorizadas en perigo de extinción. Pois ben, deputados doutros pobos con linguas minorizadas veñen de apoiar a súa oficialidade en Bruxelas fronte á forte presión político-lingüística do estado francés.

Os topónimos Parada e Paradela fan referencia a descansos no terreo? Son moi numerosos e teñen o mesmo valor que os “Pousada”. Proceden da forma latina PARATA (Parada), participio de PARARE (“deter) Acostuman a ser remansos orográficos nos que se configurou unha poboación. Tal é o caso das Paradas da Estrada, Caldas, Porto do Son, Pobra de Brollón, Carballo… ou dos seus correspondentes diminutivos “Paradela” (algúns moi preto dos anteriores) Que non pare o coñecemento da nosa toponímia.

A palabra “pobo” fai referencia ás persoas que viven nun sitio? En galego non existe a acepción de entidade de poboación para este vocablo, así podemos afirmar que o pobo galego celebra o seu día o 25 de xullo ou que o “Museo do Pobo Galego” garda tesouros impresionantes, pero nunca en galego podemos afirmar que alguén foi ao pobo* (en tal caso viaxou á aldea) ou que levaron tal orquestra ás festas do seu pobo* (sería á súa parroquia)

As estatísticas se escriben con t? A palabra “estatística” (Técnicas para medir e interpretar fenómenos colectivos con métodos baseados no emprego numérico) procede do latín STATISTICUM, co valor actual usouse en alemán (statistik) e de aí a outras linguas europeas; italiano statistica, francés statistique, castelán estadística ou portugués estatística. En galego séguese a tendencia etimolóxica, polo que temos que manter o orixinal de ESTATÍSTICA.

Os medios de comunicación galegos queren unha Lei da Publicidade:::

A polémica pola mala distribución de axudas aos medios galegos de cara a potenciación do uso do idioma propio de Galicia vén de aumentar logo de que Política Lingüística deixara de lado aos que fan un uso normalizado da lingua de Rosalía, beneficiando outros que mesmo manteñen unha postura negativa contra a normalización lingüística. A “Asociación de Medios en Galego” mantivo unha reunión con todos os partidos políticos e co Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia para que interviñeran neste conflito. Esta nova asociación pro-medios en galego quere que se aprobe unha lei de “transparencia” sobre a publicidade institucional freando así esta dinámica subxectiva por parte da Xunta de Galicia na que os criterios responden máis ás cores políticas dos medios ou á dependencia destes da propia administración. Consideran que a actual lei (de 1999) está obsoleta pois no momento da súa redacción o peso dos medios dixitais era moi escaso. Polo momento, tanto a resposta dos distintos grupos políticos como a do Colexio de Xornalistas foi favorable. O próximo paso desta asociación é reunirse coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa Secretaría Xeral de Medios. Nesta asociación de recente creación están xa integrados 15 medios galegos.