A polémica pola mala distribución de axudas aos medios galegos de cara a potenciación do uso do idioma propio de Galicia vén de aumentar logo de que Política Lingüística deixara de lado aos que fan un uso normalizado da lingua de Rosalía, beneficiando outros que mesmo manteñen unha postura negativa contra a normalización lingüística.
A “Asociación de Medios en Galego” mantivo unha reunión con todos os partidos políticos e co Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia para que interviñeran neste conflito. Esta nova asociación pro-medios en galego quere que se aprobe unha lei de “transparencia” sobre a publicidade institucional freando así esta dinámica subxectiva por parte da Xunta de Galicia na que os criterios responden máis ás cores políticas dos medios ou á dependencia destes da propia administración. Consideran que a actual lei (de 1999) está obsoleta pois no momento da súa redacción o peso dos medios dixitais era moi escaso.
Polo momento, tanto a resposta dos distintos grupos políticos como a do Colexio de Xornalistas foi favorable. O próximo paso desta asociación é reunirse coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa Secretaría Xeral de Medios. Nesta asociación de recente creación están xa integrados 15 medios galegos.

Sem comentários:
Enviar um comentário
Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: