7/20/2013

Sabías que...?:::

O corso entra na liga das linguas minoritarias en Bruxelas? O corso é a lingua propia da illa francesa de Córsega, fálase tamén na Gallura e norte de Sardeña. É próxima á variante toscana do italiano e a Unesco mantena no grupo de linguas minorizadas en perigo de extinción. Pois ben, deputados doutros pobos con linguas minorizadas veñen de apoiar a súa oficialidade en Bruxelas fronte á forte presión político-lingüística do estado francés.

Os topónimos Parada e Paradela fan referencia a descansos no terreo? Son moi numerosos e teñen o mesmo valor que os “Pousada”. Proceden da forma latina PARATA (Parada), participio de PARARE (“deter) Acostuman a ser remansos orográficos nos que se configurou unha poboación. Tal é o caso das Paradas da Estrada, Caldas, Porto do Son, Pobra de Brollón, Carballo… ou dos seus correspondentes diminutivos “Paradela” (algúns moi preto dos anteriores) Que non pare o coñecemento da nosa toponímia.

A palabra “pobo” fai referencia ás persoas que viven nun sitio? En galego non existe a acepción de entidade de poboación para este vocablo, así podemos afirmar que o pobo galego celebra o seu día o 25 de xullo ou que o “Museo do Pobo Galego” garda tesouros impresionantes, pero nunca en galego podemos afirmar que alguén foi ao pobo* (en tal caso viaxou á aldea) ou que levaron tal orquestra ás festas do seu pobo* (sería á súa parroquia)

As estatísticas se escriben con t? A palabra “estatística” (Técnicas para medir e interpretar fenómenos colectivos con métodos baseados no emprego numérico) procede do latín STATISTICUM, co valor actual usouse en alemán (statistik) e de aí a outras linguas europeas; italiano statistica, francés statistique, castelán estadística ou portugués estatística. En galego séguese a tendencia etimolóxica, polo que temos que manter o orixinal de ESTATÍSTICA.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: