O porto do Xufre acolle, coma todos os veráns, a centos de visitantes ansiosos por degustar os manxares que os veciños arousáns preparan para recaudar fondos con fins sociais relativos aos distintos colectivos asociativos da vila insular. O Xufre convértese, como cada ano, nunha pequena Venecia á que acoden, coa marea alta, ata os muxos por se cae algo, pero refuxiándose das gaivotas que son as donas do mundo. Saíndo da Arousa e co solpor rebrilan varias lúas no horizonte. Chegar ata alí non é tarefa doada por falta de sinalización, pero paga a pena intentalo pois as vistas agradéceno; desde as Cíes e Ons ata o Barbanza temos un mapa aéreo real da Ría de Arousa e do val do Salnés. O Faro das Lúas está no monte de Andras, pero xa lle dá nome a un dos IES de Vilanova e a algún establecemento comercial desta localidade, así que sérvenos de orientación para non perder a perspectiva sobre a Ría. Entre outras cousas axuda a ver a importancia da produción mexilloeira na zona; é un mapa dos polígonos mexilloeiros desde Cambados a Vilagarcía ou desde o Grove a Ribeira. E, no medio, a súa "pérola", a Arousa.




Sem comentários:
Enviar um comentário
Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: