Mostrar mensagens com a etiqueta Hermes e Atenea. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Hermes e Atenea. Mostrar todas as mensagens

5/12/2013

"gústame... que che guste a miña lingua":::


A campaña emprendida pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) “Gústame o galego” continúa collendo cada vez máis forza por Galicia adiante. Esta experiencia nacera no Culturgal e foise estendendo polo ámbito educativo e social con moi boa acollida. Consistía en principio en saír en fotos sobre o fondo de “Gústame o galego” aportando unha frase relativa a algo que che guste en galego: “Gustame..., que me digan "qrt m8" ;-), “...que nos pubs poñan música en galego”, “...que non me traduzan o café con leite”, “que che guste a miña lingua” “que @s bonec@s que falan galego”, “...que o leite poña que é galego 100%”, “…escoitar a Shin Chan ou a Scarlett Johansson, na tele ou no cine, falando en galego”
Agora deu un paso máis adiante e asentouse no Concello de Santiago cun concurso de lemas para que a iniciativa percorra Galicia cun maior número de frases. Había que pensar unha cita que comezase por “Gustame…” e completala con non máis de 90 caracteres que expresen a filosofía da campaña. Podíase participar por facebook ou twiter.
Nos vindeiros meses, as consignas gañadoras estarán por distintos Concellos, os primeiros onde se poderán ver  son Narón, Burela, Carballo, Pontevedra ou Santiago. Pódense consultar nas súas contas das redes sociais ou na web da www.ctnl.org para saber onde podes sacar a túa foto co lema que máis che guste.

4/10/2013

Sabías que...?

…para uns es “tu” mentres que para outros serás “ti”? O mapa dialectal galego ten dúas solucións para o pronome persoal tónico de segunda persoa (ti) A variedade estándar recolle a forma máis empregada e máis evolucionada, pero “tu” tamén é galego, o das zonas marcadas neste mapa elaborado por Fernández Rei e publicada nunha obra máis que recomendable; a Dialectoloxía da lingua galega. E ti... que? 


Un “lustro” son cinco anos? Pois agora vas saber máis; para os romanos LUSTRUM era o sacrificio de limpeza ou purificación (LUSTRARE), polo tanto unha “iluminación” (ILUSTRATO>ilustrado). Así tamén tiñan o costume de facer censos no exército cada cinco anos, polo que “ilustraban” con datos actualizados as estatísticas das súas milicias. Imaxinabas que lustrar, ilustrar e lustro tiñan tanto que ver?


É o “aranés”? Pois o que falan no Val de Arán, a súa capital é a vila de Vielha (Lleida) Tecnicamente pódese afirmar que é a variante local do occitano, unha das súas características é o emprego do e que se espallou no ámbito galego-portugués e a nivel sociolingüístico é o único territorio español recoñecido como trilingüe (castelán-catalán-aranés) Non son máis de 3000 persoas as que o falan mais goza de moita vitalidade.



 A Xunta lle solicitou a “Google” a tradución ao galego do sistema operativo de móbiles “Android”? Pois si, fíxoo desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no marco dunha serie de iniciativas encamiñadas a fomentar o software libre. Con pouco esforzo por parte de Google poderemos ter en calquera dos nosos smart phones este sistema no noso idioma.

"En Galego estamos no mundo":::


Cada ano centos de estudantes de todo o mundo veñen a Galicia para aprender o noso idioma; xa están abertos os prazos para participar neles ao tempo que os “erasmus” agradecen a posibilidade de aprender “unha lingua máis” ao pasar polas universidades galegas. Mentres tanto o profesorado do Celga está a protestar pola mala situación laboral dos empregados nestes cursos.
As universidades da Coruña (UDC) e Santiago (USC) acaban de facer pública a convocatoria de cursos de verán de lingua galega para estranxeiros. Hanse desenvolver durante mes de xullo e a inscrición está aberta ata primeiros de maio. Os prezos das matrículas oscilan entre os 60 e 150 euros, pero tamén se ofrecen bolsas de exención do pago da mesma e cantidades que van desde os 150 a 350 euros para apoiar a estadía nestas cidades.
E é que cada ano son máis as persoas de todo o mundo que se interesan por aprender o idioma galego. De feito, a facultade de filoloxía da USC vén de celebrar unha charla baixo o título “A facultade de filoloxía acolle” na que sete estudantes erasmus explicaron en perfecto galego (idioma que descoñecían hai seis meses) todas as vantaxes que lles está a aportar a aprendizaxe da lingua rosaliana.
En Galicia tamén é posible estudarmos máis o noso idioma os propios nativos, a Xunta establece uns cursos denominados CELGA e cos que se pode optar a títulos requeridos en oposicións e entrevistas de traballo.
O profesorado que imparte estes últimos cursos vén de protestar pola situación de precariedade laboral que viven indicando, por exemplo, que son “profesores colaboradores” que nin sequera cotizan á Seguridade Social. 

3/14/2013

Sabías que...?:::


…as “pistolas” disparan en checo? Ou o que case é o mesmo; esta palabra ten orixe naquela lingua; Pistal, desde onde pasou ao alemán pistole, por onde chegou ao galego. Logo de tanto moverse aínda mantén o seu significado orixinal de arma de fogo recortada.

É tempo de “poda”? O que ao mellor xa non sabes é a relación desta forma con “amputar”. As dúas veñen de PUTARE (latín) que significa limpar e, por extensión, cortar. Polo tanto, a “poda” vén sendo unha “amputación” ou corte.

Telmo vén do grego? Controla; en grego ÉRASMOS, en italiano Éramo>Ermo-Elmo. Ao popularizarse o nome do santo; SANT ELMO facendo unha falsa segmentación derivou en San Telmo. O santo tudense viviu no S.XIII e foi o evanxelizador de boa parte de Galicia e Portugal. Évos avogoso contra os terremotos e patrón dos mariñeiros, o significado do nome era “mimoso” ou “neno favorito”.
  
É un “Sangradoiro”? Non temas, a cousa non é tan cruel como pinta a pregunta. Hai un en Xermade e trátase dun topónimo que fai referencia a un terreo moi húmido ao que se lle fan cortes (sangrados) para liberarlle auga. Tamén o encontramos referido ás canles que lle liberan a auga da chuvia aos camiños ou no “sanguiño” arbusto de cor morada que está detrás de topónimos como Sanguiñeda, Sanguiñeira ou Sanguiñedo.

A "Apalabrados" tamén lle gusta o galego:::


            “Apalabrados”, un dos xogos máis populares para móbiles vén de interesarse polo noso idioma. A empresa que xestiona esta aplicación chámase Etermax e vén de anunciar o seu interese por facer unha versión galega. Polo momento están a ofrecelo en inglés, alemán, portugués, holandés e francés así coma nas linguas oficiais de España agás a nosa.
            A “versión galega” vai sair da Universidade de Santiago de Compostela, onde está Cilenis, un departamento de innovación tecnolóxica e que xa desenvolveu numerosos produtos relacionados coa enxeñaría lingüística.
            O seu funcionamento é moi doado pois deriva do outrora popular “esecrable” enredo dedicado á construción de palabras sobre un taboleiro e unha mesa, motivo polo cal aumentan sen parar as súas descargas.
            Os afeccionados galegos a este enredo xa viñan demandando unha versión no noso idioma desde hai tempo, facéndose visibles grazas ás redes sociais.

2/15/2013

Sabías que...?:::



son as “Cachadas”? Ademais desas ocasións do “pillado in fraganti” fan referencia a un topónimo presente na Coruña, Poio, Portas, A Guarda ou Ponteareas. Ten orixe agrícola pois fai referencia ás terras labradas e roturadas, normalmente de monte que se quere dedicar a labradío. Os restos vexetais son queimados e esparexidos polo terreo. Cachadas < (Terras) CAPPELATAS (“cortadas”).

Hilda é nome guerreiro? Ten orixe xermánica, en principio significaba “combatente”, “guerreiro” evolucionando a “poderosa na batalla”. Hilda foi o nome dunha deusa escandinava protectora dos guerreiros; unha valquiria, filla de Odín.


o 24 de febreiro é o “Día de Rosalía”? E para iso a AEL (Asociación de Escritores en Lingua Galega) organiza distintos actos, como que o venres 22 haxa un macrorrecitado de poemas rosalianos nas escolas de toda Galicia. Ademais este ano conmemórase o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, primeira obra culta moderna no noso idioma.

É o “morbo”? Si, si... oes ben, o morbo; esa obsesión macabra polo prohibido. Na súa orixe latina MORBUS usábase para referirse a unha enfermidade. Hoxe fálase de morbo para definir a atracción polo prohibido ou desagradable dun xeito metafórico que parte desa “enfermidade” etimolóxica pois evolucionou a “doenza contaxiosa ou epidémica”. Ben é sabido que o que ten morbo atrae a moita xente. En italiano consérvase a acepción de feble, brando para “mórbido”.

Naceu TÁBOAS, a web onde o deporte galego atopou o seu equilibrio:::


Vén de nacer “www.taboas.org”, un portal informativo de deporte que se expresa con normalidade en lingua galega. A idea xorde de dous mozos xornalistas e emprendedores que notaban que esta era unha carencia que había no mare magnum polo que navegamos os galegos.
Na súa declaración de intencións pretenden fuxir daquilo que escape do deporte; nin ruxe-ruxes nin partidismo de ningún tipo. Deporte desde unha perspectiva galega e en galego. Afirman querer ser eses reporteiros de guerra que traian noticias dos heroes do deporte galego. Din que “Táboas” é sinónimo de empate pois o importante non é a vitoria, senón uns deportes e uns e unhas deportistas que constrúen esa andaina do deporte galego, cos seus sentimentos, ideais e sensacións.
Táboas vénse a sumar así á nómina de webs informativas que utilizan o idioma galego de xeito normalizado ao tempo que son independentes e fan un tratamento específico da información, como a revista de tendencias “www.disquecool.com” ou os distintos xornais dixitais de información xeral “www.praza.com”, “galiciaconfidencial.com” “www.apeneiradixital.com” ou numerosos medios locais en formato web que se están a dar de alta e que desenvolven un labor normalizador no ámbito da comunicación máis próxima.

10/10/2012

NACE OLLOS DE AULA, A REVISTA DOS EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA:::


A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística vén de facer pública unha nova publicación dirixida ás familias, baixo o nome de "Ollos de aula". Pódese descargar gratuitamente na web da coordinadora [www.coordinadoraendl.org/ollosdeaula] Trátase dunha pequena revista dirixida ás familias e que ten como obxectivo dar a coñecer aspectos do mundo académico para os familiares. Así por exemplo, no primeiro número abordan a lexislación actual en materia educativa, explicando que é a LOE (Lei Orgánica de Educación) ou dan seis claves para empezar ben o curso. Ademais abordan aspectos relacionados coa lingua, coa súa normalización e mais coa súa aprendizaxe.
Ollos de aula estará nos centros de ensino, así como na web da Coordinadora Galega de Equipos ou nas páxinas e blogs dos centros de ensino cunha periodicidade mensual.

SABÍAS QUE...?

Procedencia teñen as "tesoiras"? As primeiras foron para trasquilar ovellas, por iso derivan da forma latina FORFICES TONSORIAS que quere dicir literalmente "tesoiras de trasquilar". A forma TONSORIAS é a que está detrás das nosas "tesouras" coa variante "tesoiras", alteración tamén presente en "coiro-couro".


Orixe ten a "propaganda electoral"? Pois vén do verbo PROPAGARE ("repartir", "difundir"...) que se usaba no ámbito agrícola falando de sementes. Figuradamente levouse ao campo da comunicación (difundir unha información) posiblemente a partir de que o fixese a Igrexa en 1622 ao crear unha Congregación para a Difusión da Fe. Desde o XVIII e XIX úsase no ámbito da política. Os expertos en publicidade diferencian esta da propaganda entendendo que a primeira é para dar a coñecer un produto ou contido e a segunda para asentalo ou para convencer ao consumidor.


É un "programa"? Vén do grego PROGRAMMA, daí pasou ao latín e posteriormente ao francés (programme) e así chegou ao galego. En orixe denotaba "anuncio público" ou "temario". Xa en grego se compuña de PRO + GRAPHEIN ("antes de escribir) Así a día de hoxe entendémolo como "declaración por escrito do que pretende facer". Outra cousa é que se cumpra o que se presentou por escrito...


ALCABRE é prerromano?...
> A coñecidísima zona de Alcabre, en Vigo, ten un topónimo de procedencia prerromana. E non o sabemos por ningún resto arqueolóxico, os pobos que habitaron o noso territorio antes da chegada dos romanos eran ágrafos. Pero na toponimia encóntrase moita información gardada. Os nomes de lugar acabados en -obre, -abre e -ebre son de posible orixe celta. Sábese que este elemento significa poboado pero recontruir a que facía referencia ao resto xa non é tarefa doada. Compárese con Baiobre, Barallobre, Callobre, Cecebre

6/07/2012

Os ximnasios de Lugo danlle á lingua:::


Os ximnasios de lugo entenderon a máxima romana de mens sana in corpore sano e xa a comezaron a poñer en práctica co proxecto “Exercita a túa lingua: fala galego”. Trátase dunha iniciativa do Concello de Lugo e mais da Asociación de ximnasios da cidade para ir facendo realidade o marcado polo Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado pola Xunta de Galicia en 2004. O obxectivo foi vincular a normalización social da lingua galega á práctica deportiva na capital das murallas, para o cal lle ofreceron formación ao monitorado e mais organizaron actividades de dinamización nos propios ximnasios.
A iniciativa levou aos ximnasios da cidade un concurso organizado por idades e no que houbo que ir resolvendo encrucillados ou sopas de letras para descubrir palabras en desuso nos ximnasios ao tempo que se recibían consellos para ter unha vida máis saudable. Houbo premios para os gañadores; os adultos optaban a un bono gratuíto por seis meses no seu ximnasio e os cativos a unha bicicleta.
Pero non todo quedou aí, posto que os monitores destes centros acudiron a cursos formativos que lles serviron para optimizar os recursos da cultura tradicional para aplicala ao fitnes, ao spinning ou pilates.
Xa pensan en novas edicións polo éxito da campaña ao vincular a promoción do exercicio físico e de hábitos de vida saudables co exercico saudable de usar o idioma galego con normalidade.
Outras iniciativas semellantes tamén tiveron éxito, como foi o caso do proxecto de galegolab.org “galegogym” que conseguiu facer unha edición dixital de música en galego coa que facer fitness, para distribuír de balde por ximnasios de toda Galicia.

Sabías que ..?

É “ÉMUNDIAL”? Nada ten que ver co fútbol! Trátase dunhas xornadas de convivencia entre persoas que falan, musican e transitan en lingua galega polo mundo adiante. Desenvólvense en Vigo na primeira quincena de xuño contan coa organziación de AGAL.

HAI UN DICIONARIO “MODERNO” INGLÉS-GALEGO? O moderno non é que haxa un dicionario, senón que se trata do nome. Acaba de sair ao mercado coa garantía de 2.0 Editora e preséntase como unha ferramenta práctica para as clases, as empresas, o traballo de especialistas ou o turismo.

O DOMINIO .GAL ESTÁ A PIQUES DE SER UNHA REALIDADE? Así o apuntan desde a asociación que reclama un dominio galego. Os trámites xa levan tempo percorrido e anuncian que, en poucas semanas, teremos un albergue na rede: .gal.

A GHEADA É UN TRAZO ESTÁNDAR? Así o recolle a normativa da lingua. Ao falar dos fonemas explica que, sendo un trazo dialectal, é asumible nunha conversa estándar por ser maioritario en número de falantes e un trazo tradicionalmente desprestixiado. Xosé Luis Regueira, especialista na materia, tocou este tema no seu ingreso na Real Academia Galega.

4/09/2012

SABÍAS QUE...?

as moedas veñen do ceo?
Non é que chovan cartos, senón que a palabra “moeda” vén dos ceos divinos latinos; En Roma quixéronlle agradecer á deusa XUNO a súa advertencia ante un perigo construíndolle un templo. O edificio levou o nome de IUNONE MONETA (“Xuno, a que advirte”). Posteriormente popularizouse a forma “Moneta” para falar do templo no que, posteriormente, se instalou unha ceca (casa onde se labra a moeda). Así acabouse falando de moedas para referirse aos obxectos traballados naquel lugar e que hoxe escasean nas nosas carteiras.

Os ratos son “musculosos”?
En latín chamábanlle MUS aos roedores e, cando falaban dos “bíceps”, víanlle certa similitude á contracción deste coa forma dun rato que se move debaixo da pel. De aí xurdiu o diminutivo MUSCULUS (“ratiño”), posteriormente esta foi a palabra que designou a calquera outro músculo do corpo. Ou estabas imaxinando un rato a practicar fitness?

A Praia de Fedorento ten “eau de algas”?

Na Guarda temos unha praia con ese nome e nas Illas Ons un illote e unha cala. Non é casualidade pois son zonas onde o mar furou na terra e onde, por épocas e mareas, se concentran grandes cantidades de algas. O “fedor” destas en descomposición deu lugar a este topónimo tan expresivo. Nas Ons hai unha cova onde se concentran moitas delas e que, polo cheiro tan forte que provoca, contan que algúns traficantes de tabaco as aproveitaron para seren discretos e agochar alí os seus alixos.

Relación teñen Mougás, Mugardos e Mogor?

Teñen todos unha base preindeuropea *Mok ou *Muk que significa altura, pico, coto. Os tres están na costa; Mougás en Oia, Mugardos en Ferrol-Terra e Mogor en Marín. Fan referencia a prominencias do terreo sobre o territorio circundante e mailo mar. Tamén teñen esa base antiga *Mok-*Muk estoutros topónimos; Mogollón (Viladesuso-Oia), Caamouco (Ares), Mogo (Lourenzá) e Mougá (Doniños-Ferrol)

A REAL ACADEMIA GALEGA PRESENTA O SEU DICIONARIO EN LIÑA:::

A Real Academia Galega (RAG) vén de presentar unha versión en liña do dicionario da entidade. Contén máis de 50.000 entradas.
A súa elaboración realizouse sobre un inxente corpus de vocabulario galego moderno coa finalidade de ofrecer unha ferramenta de consulta normativa, dando a posibilidade mesmo de escoitar a pronuncia das palabras, así como as grafías e significados correctos de cada forma. Contén información gramatical e sobre o nivel de uso (rexistros formais ou informais). Este dicionario ofrece información semántica, coma sinónimos, antónimos e voces próximas , ademais de ilustrarse con varios exemplos de uso. A maiores, e nos casos que así o pecisan, leva información de terminoloxía científica así como fase feitas, locucións, etc.
A web do dicionario é a seguinte: http://www.realacademiagalega.org/dicionario pero tamén ofrece a opción de levalo ás redes sociais. Na súa elaboración procuraron ser respectuosos “cos dereitos das persoas, dos grupos sociais e dos pobos; un dicionario que ten en conta o principio de igualdade e rexeita as discriminacións por razóns de xénero, raza ou relixión”.  
Constitúe, pois, unha ferramenta necesaria para traballar coa lingua na actualidade mellorando, con moito, a oferta existente ata o momento no ámbito lexicográfico galego.

2/10/2012

O presidente da MESA acusado por un xuíz por pedirlle que respecte a legalidade


O xuíz decano da cidade da Coruña dixo publicamente que non se ruborizaba en empregar o topónimo deturpado “La Coruña” consciente de que non é a forma oficial para nomear esa cidade. A raíz disto o presidente da MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA preguntou, tamén publicamente, “cales eran as outras normas que non tiña ningún rubor en incumprir e pedinlle que se ativese ao cumprimento da Lei”. A resposta do xuíz foi clara, presentou unha denuncia contra a persoa de Carlos Callón. A denuncia foi inicialmente desestimada por carecer de sentido, pero aínda así o presidente da maior asociación cultural de Galicia tivo que ir á vista o 10 de febreiro.
A ilegalidade de usar formas deturpadas para topónimos galegos denota ignorancia ou un uso ideolóxico destes nomes. Moitos deles, como o da Coruña, limítanse a cambiar o artigo pero, ao longo da xeografía galega, temos auténticas aberracións que supoñen unha “maquillaxe” do topónimo para que pareza menos galego. A UNESCO establece que se deben respectar as formas autóctonas dos nomes dos lugares, A Constitución Española e mailo Estatuto de Autonomía fixan para Galicia a través da Lei de Normalización Lingüística que as únicas formas oficiais dos topónimos galegos son as galegas. A deturpación consiste na destrución dun topónimo para facelo semellar castelán; se A Coruña se xerase no ámbito lingüístico do castelán podería ser “La Clunia” como hai algunhas en Castela. Dicir La Coruña non só non é legal, senón que denota unha involución da nosa identidade; obsérves que os galegos non preguntamos onde vivimos, senón de onde somos. E ben orgullosos estamos de ser de aquí.