2/10/2012

O presidente da MESA acusado por un xuíz por pedirlle que respecte a legalidade


O xuíz decano da cidade da Coruña dixo publicamente que non se ruborizaba en empregar o topónimo deturpado “La Coruña” consciente de que non é a forma oficial para nomear esa cidade. A raíz disto o presidente da MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA preguntou, tamén publicamente, “cales eran as outras normas que non tiña ningún rubor en incumprir e pedinlle que se ativese ao cumprimento da Lei”. A resposta do xuíz foi clara, presentou unha denuncia contra a persoa de Carlos Callón. A denuncia foi inicialmente desestimada por carecer de sentido, pero aínda así o presidente da maior asociación cultural de Galicia tivo que ir á vista o 10 de febreiro.
A ilegalidade de usar formas deturpadas para topónimos galegos denota ignorancia ou un uso ideolóxico destes nomes. Moitos deles, como o da Coruña, limítanse a cambiar o artigo pero, ao longo da xeografía galega, temos auténticas aberracións que supoñen unha “maquillaxe” do topónimo para que pareza menos galego. A UNESCO establece que se deben respectar as formas autóctonas dos nomes dos lugares, A Constitución Española e mailo Estatuto de Autonomía fixan para Galicia a través da Lei de Normalización Lingüística que as únicas formas oficiais dos topónimos galegos son as galegas. A deturpación consiste na destrución dun topónimo para facelo semellar castelán; se A Coruña se xerase no ámbito lingüístico do castelán podería ser “La Clunia” como hai algunhas en Castela. Dicir La Coruña non só non é legal, senón que denota unha involución da nosa identidade; obsérves que os galegos non preguntamos onde vivimos, senón de onde somos. E ben orgullosos estamos de ser de aquí.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: