Non é que chovan cartos, senón que a palabra “moeda” vén dos ceos divinos latinos; En Roma quixéronlle agradecer á deusa XUNO a súa advertencia ante un perigo construíndolle un templo. O edificio levou o nome de IUNONE MONETA (“Xuno, a que advirte”). Posteriormente popularizouse a forma “Moneta” para falar do templo no que, posteriormente, se instalou unha ceca (casa onde se labra a moeda). Así acabouse falando de moedas para referirse aos obxectos traballados naquel lugar e que hoxe escasean nas nosas carteiras.

Os ratos son “musculosos”?
En latín chamábanlle MUS aos roedores e, cando falaban dos “bíceps”, víanlle certa similitude á contracción deste coa forma dun rato que se move debaixo da pel. De aí xurdiu o diminutivo MUSCULUS (“ratiño”), posteriormente esta foi a palabra que designou a calquera outro músculo do corpo. Ou estabas imaxinando un rato a practicar fitness?

A Praia de Fedorento ten “eau de algas”?
Na Guarda temos unha praia con ese nome e nas Illas Ons un illote e unha cala. Non é casualidade pois son zonas onde o mar furou na terra e onde, por épocas e mareas, se concentran grandes cantidades de algas. O “fedor” destas en descomposición deu lugar a este topónimo tan expresivo. Nas Ons hai unha cova onde se concentran moitas delas e que, polo cheiro tan forte que provoca, contan que algúns traficantes de tabaco as aproveitaron para seren discretos e agochar alí os seus alixos.

Relación teñen Mougás, Mugardos e Mogor?
Teñen todos unha base preindeuropea *Mok ou *Muk que significa altura, pico, coto. Os tres están na costa; Mougás en Oia, Mugardos en Ferrol-Terra e Mogor en Marín. Fan referencia a prominencias do terreo sobre o territorio circundante e mailo mar. Tamén teñen esa base antiga *Mok-*Muk estoutros topónimos; Mogollón (Viladesuso-Oia), Caamouco (Ares), Mogo (Lourenzá) e Mougá (Doniños-Ferrol)
Sem comentários:
Enviar um comentário
Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: