
A Asociación Cultural “Vagalumes” vai levar a cabo diversos actos con motivo da conmemoración do 40 aniversario do falecemento de Manuel García Barros, un dos nosos máis sobranceiros escritores e, sobre todo, unha persoa de integridade e lealdade á lingua e cultura galega.
Os actos terán lugar o día 14 de abril comezando pola mañá na parroquia de Berres, na súa casa natal onde, coa colaboración da Asociación de Veciños “Novo Centro” de Berres, farase ás 12:00 h. unha ofrenda poética de nenos da bisbarra e contaremos coa intervención do escritor Olimpio Arca Caldas.
Seguidamente no cemiterio de Callobre, coa colaboración da Asociación de Veciños “A Sobreira” e a Asociación de Mulleres Rurais “A Sobreira”, procederemos á ofrenda diante da súa tumba, na que intervirá o escritor David Otero, Noemi García (Bisneta de Manuel García Barros) e o profesor Carlos Loureiro, especialista na obra de García Barros.
Rematarán os actos cunha sesión no Teatro Principal ás 20:00 h. presentada polo humorista gráfico Xosé Lois “O Carrabouxo” e o escritor estradense David Otero, no que intervirá o escritor Xosé Manuel Martínez Oca; os actores Xoque Carbajal, Alberte Rolán e Gonzalo Varcarcel darán lectura a textos de Manuel García Barros, alumnos do IES nº 1 tamén farán unha homenaxe ao escritor, e rematarán os actos co espectáculo “O Afiador” de Pepe Penabade recreando a época do autor dos “Contiños da Terra”.
Sem comentários:
Enviar um comentário
Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: