6/07/2012

Os ximnasios de Lugo danlle á lingua:::


Os ximnasios de lugo entenderon a máxima romana de mens sana in corpore sano e xa a comezaron a poñer en práctica co proxecto “Exercita a túa lingua: fala galego”. Trátase dunha iniciativa do Concello de Lugo e mais da Asociación de ximnasios da cidade para ir facendo realidade o marcado polo Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado pola Xunta de Galicia en 2004. O obxectivo foi vincular a normalización social da lingua galega á práctica deportiva na capital das murallas, para o cal lle ofreceron formación ao monitorado e mais organizaron actividades de dinamización nos propios ximnasios.
A iniciativa levou aos ximnasios da cidade un concurso organizado por idades e no que houbo que ir resolvendo encrucillados ou sopas de letras para descubrir palabras en desuso nos ximnasios ao tempo que se recibían consellos para ter unha vida máis saudable. Houbo premios para os gañadores; os adultos optaban a un bono gratuíto por seis meses no seu ximnasio e os cativos a unha bicicleta.
Pero non todo quedou aí, posto que os monitores destes centros acudiron a cursos formativos que lles serviron para optimizar os recursos da cultura tradicional para aplicala ao fitnes, ao spinning ou pilates.
Xa pensan en novas edicións polo éxito da campaña ao vincular a promoción do exercicio físico e de hábitos de vida saudables co exercico saudable de usar o idioma galego con normalidade.
Outras iniciativas semellantes tamén tiveron éxito, como foi o caso do proxecto de galegolab.org “galegogym” que conseguiu facer unha edición dixital de música en galego coa que facer fitness, para distribuír de balde por ximnasios de toda Galicia.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: