11/03/2012

A biblioteca:::

Sábado pola mañá, biblioteca municipal da Estrada. Na sala de lectura, os usuarios afánanse por aproveitar as tres horas en que esta permanece aberta (de 10.00h a 13:00h). Un opositor subliña unha e outra vez un dos artigos que ten que memorizar para poder ingresar no corpo da policía autonómica; dúas mozas contrastan datos nos seus portátiles e discuten en voz baixiña sobre os resultados dun problema matemático; un universitario analiza textos literarios... 
As mesas soportan o peso de décadas de apuntamentos, estragadas, algunha coxa... mentres as cadeiras xa non resisten o nivel de uso de tantos anos, unha raiola de sol entra sen preguntar polo medio dunhas cortinas que non lle impiden o paso pois levan tempo rotas. Todos se deslumbran, algún cambia de sitio. Unha mirada perdida detecta unha enorme mancha negra de humidade no teito, esa mesma mirada baixa cara aos andeis tratando de ler as etiquetas que xa perderon a tinta, máis abaixo unha táboa apoiada contra a ventá; outrora serviu para soster enciclopedias.
Comeza o ensaio da banda de música no piso superior, ao unísono escóitanse os suspiros dos derrotados escasos usuarios da sala.

A biblioteca da Estrada (21.759 habitantes) ten tan só 530 socios (2,44% da poboación), unha cifra que contrasta poderosamente coa de calquera outra biblioteca de similares características. Non é que as novas tecnoloxías alonxen aos usuarios das bibliotecas, máis ao contrario, en tempos de vacas fracas os lectores compiten por conseguir volumes nas bibliotecas que aumentan ata tres veces o número de usuarios.
As queixas dos da Estrada son tan vellas como xordos os oídos dos distintos políticos que teñen pasado polo consistorio municipal; a última delas chegou a pleno e tivo a mesma resposta que a música de espera dunha compañía telefónica; mentres non abran a "Casa das Letras" a biblioteca da Estrada seguirá en espera.
O "proxecto MEIGA" pretende que todas as bibliotecas públicas cataloguen vía informática os seus títulos para unha xestión máis eficaz das mesmas. Na Estrada hai persoal supostamente cualificado para desenvolver ese traballo, mesmo conta coa única funcionaria do grupo A que hai en bibliotecas municipais galegas, mais ese é un obxectivo que aínda non se conseguiu.
Todas as bibliotecas desenvolven un incesante labor de promoción do libro e da lectura; crean recunchos  moi cómodos e atractivos para os máis cativos, realizan actividades culturais e de promoción da lectura para todas as idades, etc. Na Estrada non. Como non, tampouco, chegan as novidades editoriais ao Edifício de Usos Múltiples da vila.

Algo vén pasando, entón, na capital do moble de Galicia para que o seu mobiliario non sexa renovado, para que a música desconcentre aos opositores ou para que o número de usuarios retrocedera a pasos axigantados. Non sería difícil dedicar esforzos municipais para acondicionar as salas, dinamizar e non dinamitar a biblioteca e que os usuarios volvesen ao 104 da Avenida de Benito Vigo. Non se trata de diñeiro, senón de disposición e interese.





1 comentário:

  1. sabes que concordo totalmente com o que tam bem explicas no post. o estado da biblioteca municipal foi tema de conversa muitas vezes nos nossos cafés.
    um indicador claro do seu insultante estado é que eu, ainda que agora nom a frequento, sim o figem quando preparava as minhas provas de acesso. mobiliário em mal estado, limpeza brilhante pola sua ausència (sacudir-lhe a poeira aos livros antes de os ler -nem na minha casa!-), escasez e antiguidade dos fundos (quando nom simplesmente defasados) e a banda sonora dos ensaios da banda (sic) acompanhando o estudo...
    o caso é que eu deixei de ir pola biblioteca no 2005... sete anos nom som nada. todo segue igual!!

    ResponderEliminar

Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: