11/25/2012

Ruta ciclista polo Río Liñares con Bikestrada:::

Na mañá de hoxe máis de 70 persoas participaron na Estrada dunha ruta en bicicleta de montaña organizada pola Peña Ciclista BIKESTRADA. Aínda que as previsións eran de néboa e frío, ás 10 da mañá a Alameda da Estrada estaba chea de maillots de cores preparados para desafiar o tempo e pasar unha divertida xornada deportiva. 
O pelotón tivo a oportunidade de coñecer un pouco máis de preto o Río Liñares, posto que a ruta  se foi desenvolvendo polas súas ribeiras; saíndo da Rúa Xusto Martínez, descendeu por Irida e mailo Muíño, para utilizando os camiños sen asfaltar da zona, chegar á Praia Fluvial do Río Liñares. Logo de gozar das preciosas estampas outonais polos carreiros da ribeira, subiron cara a Moreira, Liñares e Callobre onde fixeron unha parada para o avituallamento e a foto de rigor ao pé da centenaria Sobreira de Valiñas. 
Con folgos renovados atravesaron de novo o río estradense para subir a Lagartóns e Guimarei, camiño da Estrada pola Avenida da Torre e Benito Vigo. En total completouse a ruta con 20 km ás costas e moito ánimo renovado.
Na vindeira semana BIKESTRADA ofrecerá unha nova ruta "popular" apta para todos os públicos por outra das fermosas paraxes da zona; o Monte da Somoza. Teñen previsto subir a Pedralba e visitar a Cooperativa Monte Cabalar onde farán o avituallamento e serán convidados a probar os produtos cárnicos ecolóxicos que alí se están a producir.

clica no
para ver máis fotos
Neboeiro no momento da saída na Alameda da Estrada
Pouco a pouco a néboa foise abrindo
Femosas estampas outonais polas ribeiras do Río Liñares

Repoñendo forzas ao carón do Pazo da Sobreira de Valiñas en Callobre

Foto de grupo baixo a centenaria Sobreira de Valiñas

Bicis en repouso no avituallamento ao pé da Sobreira de Valiñas
A serpe multicolor polas beiras do Liñares entre Callobre e Lagartóns

A ruta non estivo exenta de dificultades

Sem comentários:

Enviar um comentário

Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: