Onte tivo lugar a Iª Quedada Feminina BTT da Estrada. Foi unha iniciativa da Peña Ciclista Bikestrada que reuniu a homes e mulleres na zona deportiva ás 10 da mañá para facer unha pedalada camiño da igualdade. No transcurso da mesma recordouse a mulleres coma Kathrine Swithzer quen pasou á historia porque en 1967 participou na Maratón de Boston a pesar de estar prohibida a presenza de féminas e de que un xuíz a quixese expulsar, rematou a carreira escoltada polos outros corredores. As reflexións sobre as desigualdades sociais en cuestión de xénero mesturáronse coas risas e as anécdotas propias dun día de bicicleta de montaña. A ruta desenvolveuse ao longo de 18 Km polas parroquias da Estrada, Lagartóns, Moreira, Callobre e Guimarei, serpenteando o Río Liñares e cunha paradiña fronte á centenaria Sobreira de Valiñas.
A presenza da muller no deporte continúa aínda a día de hoxe a non ser moi maioritaria e con grandes desigualdades no ámbito competitivo. Bikestrada é un dos clubes galegos onde a participación feminina é máis visible e esta vai en aumento nos últimos anos. Bikestrada oferta novas saídas BTT nas vindeiras datas co programa "Populares BTT"; 23 E 30 de marzo celebran as "rutas infantís" e o 7 e 14 de abril as rutas "para adultos". Trátase de percorridos de dificultade moi baixa e adecuados a persoas non habituadas á práctica do ciclismo polo que animan a veciños e visitantes da comarca a coñecer mellor A Estrada desde unha bicicleta de montaña.

Sem comentários:
Enviar um comentário
Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: