Aínda non hai moito que andabamos
facendo palleiros e coas vacas no monte. E é que a industrialización en Galicia
pillounos un pouco tarde, así foi que mantivemos a gusto ou a contragusto unha
forma de vida ancestral, medieval ata os nosos días. Coa entrada de España na
Unión Europea e coas mordidas capitalistas que levaba isto implícito pasamos de
cabeza da economía de autoconsumo á de
consumo.
E as festas non foron alleas a
estes cambios, a evolución das formacións musicais que se deixaban ver nas
festas e romarías acelerouse potencialmente nos últimos anos grazas aos
“axentes de espectáculos”, ou como eu digo “tratantes de orquestas”. Foron eles
os responsables dese cambio nas orquestas; da música aos decibelios iluminados
con espectáculo.
Se eu lles chamo “tratantes” non
é con maldade, senón porque me recordan aos tratantes de gando, vamos que o seu
modus operandi é o mesmo que o
daqueles homes e mulleres que viñan polas casas para levar os becerros, parece
que lle facían un favor á economía da familia pero o favor habíano cobrar eles
ben cobrado na feira seguinte... Estes tratantes de orquestas teñen o negocio perfecto grazas á manipulación á
que someten ás comisións de festas.
Fixádevos, o proceso é moi
parecido. Todo comeza cando o tratante presenta o negocio, todo son vantaxes,
mesmo ofrece máis do que ninguén sen pedir nada a cambio; carpas, orquestas
gratis, festas da xuventude ou o que se terce. O caso é ir convencendo á
comisión de que están a facer o mellor. Moitas delas son ignorantes do mundo
que as oprime e fan o que fan sen pensalo moito. Comezan por recadar
relixiosamente as “cotas”, escoitan un
por un a cada veciño, oen aquilo de “se
trouxerades á Panorama” setenta veces, póñense detrás dunha barra, fan
churrascos... todo por xuntar os cartos suficientes para manter contento ao
tratante. Este, feliz, arrampla con todo e deixa aos veciños atendidos coas
súas festas.
Hai anos oíase moito aquilo de “as festas estanse acabando”. Era un
temor ver o declive das nosas romarías, pero realmente non acabaron, non... estabamos
ante o “negocio perfecto”.
Ollo, que para todo fai falta
mercadotecnia e os nosos tratantes téñena moi estudada “Panorama, oé, oé...”,
Xira 2014, actuación estelar de tal famoso, entra na web e faite fan... Así é
que as festas non se acabaron pero só unhas poucas moven masas atrás das
bandeirolas dunha orquesta no medio dun botellón rural. E as outras? Sobreviven
con dúos ou tríos para públicos reducidos ou orquestas con pouco público e
moita potencia sonora.
E digo eu... que bonitas son as
festas cando foxen dese mundo que nos oprime, cando se canta e fai música sen
ter que pagar dereitos á SGAE, cando son se precisan hidráulicos nin palcos nos
que fan acrobacias uns homiños que non tocan, sen ter que ver a explotación
laboral á que someten aos músicos vidos de fóra, sen ter que aplaudir a carne
como mérito que agudiza as desigualdades...
Que bonito é non ter que mover
tantos cartos en B para contentar ao noso señor tratante co seu negocio
perfecto!
Sem comentários:
Enviar um comentário
Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: