11/19/2009

A Deputación sinala que as obras das beirarrúas de Ouzande se fan sen permiso:::


HOXE NO "LA VOZ DE GALICIA":

"A Deputación sinala que as beirarrúas de Ouzande fanse sen permiso
O ente provincial asegura que o proxecto incumpre varias normativas para actuar en varios viarios

19/11/2009
A Deputación provincial explicou onte as consideracións e razóns deste organismo para reclamar que se paralicen as obras das beirarrúas de Ouzande. Nun escrito, no que non se revela si xa está dada formalmente a orde de paralización, a Deputación sinala inicialmente que as obras se iniciaron sen a obrigada e preceptiva autorización que debía emitir previamente o ente provincial, titular e responsable desa estrada.
O comunicado agrega que «o Concello da Estrada actúa neste caso á marxe da Lei, executando obras que afectan a zona de circulación sectorial de estradas e cortando o tráfico nese viario, actuacións que ademais xeran un grave risco para a seguridade viaria nunha estrada da que é responsable a Deputación».
Contra o espírito do Feil
Tras lembrar que o diñeiro do Feil debía investirse, segundo o propio espírito dese plan, en obras que non precisasen permisos doutras administracións, para evitar trámites e demoras, a Deputación indica na súa nota que «a paralización dos traballos en Ouzande non responde a un capricho, xa que a Deputación sempre colabora en iniciativas para mellorar os seus viarios e servizos aos cidadáns».
Esa paralización responde, segundo o entre provincial, a varios criterios técnicos, que xa se explicaron cando foi presentado, no mes de abril, o proxecto inicial, que presentaba importantes deficiencias construtivas. A Deputación esixiu correccións, e o Concello remitiu un proxecto corrixido en agosto, pero que aínda presentaba algunhas deficiencias.
Todo con menos anchura
Entre as correccións que a Deputación indicou figura a de non contemplar 8 metros como sección media -calzada, beirarrúas e aparcadoiro- xa que deberían ser 12,60, non crear carrís con 5 metros cando deberían ser 7, e proxectar beirarrúas cunha anchura de 1,80 metros, e non de de 1,40 como se pretendía facer.
Na práctica, a mellora deixa tramos cunha sección de 11 metros cando hai espazo para que chegue aos 12,60. Isto ocorre no entroncamento coa estrada da Estrada a Forcarei, onde é máis precisa esa anchura para garantir a seguridade viaria. Tampouco fixa o proxecto a reposición do firme afectado polas obras.
Todas as deficiencias foron comunicadas, segundo explica a Deputación, de forma reiterada aos técnicos municipais, ofrecendo mesmo alternativas como reducir os tramos de beirarrúa para non ter que impor a totalidade da sección esixida. A resposta municipal ao segundo aviso da Deputación, de que o proxecto aínda contiña deficiencias, non se produciu.
Para concluír, o ente provincial, sinala na súa nota que lamenta «a falta de lealdade institucional do alcalde estradense, por informar pola mañá ao vicepresidente da Deputación sobre as incidencias, sinalando despois pola tarde que a Deputación é culpable dunha paralización da que o único responsable é o propio Dono».

Sem comentários:

Enviar um comentário

Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: