12/12/2012

Macrorrecitado da “lingua proletaria do meu pobo” de Celso Emilio:::


Con motivo do centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, os centros de ensino galego, coa organización da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega, fixeron un recitado multitudinario do poema “Deitado fronte ao mar” para reivindicar a necesidade de normalización do noso idioma.
Participaron todo tipo de centros de ensino, de todos os niveis e natureza, houbo mesmo quen subiu á rede eses recitados en versión audiovisual. Fixérono nunha data clave, o 12 do 12 do 12 ás 12 do mediodía. Claro quedou que lonxe de “rematar o mundo”, honrouse o idioma galego e reclamouse a necesidade de normalidade da lingua galega no ámbito educativo. Con esta actividade, as distintas escolas e institutos de Galicia quixeron poñer en valor a memoria de Celso Emilio coa vixencia e forza deste poema publicado en Longa Noite de Pedra no ano 1962. Con este declamado coral, quedou de manifesto tamén que os retrocesos en materia de normalización lingüística no ámbito do ensino están a servir para aumentar a conciencia lingüística de docentes e alumnado.


Sem comentários:

Enviar um comentário

Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: