1/12/2013

SABÍAS QUE...?:::

 Lulú é o mesmo que Luísa? Lois/Luís/Luísa proceden do xermánico “HLUTHAWIGM” que derivou en HLODWIG ou HLOLOWIG e que significa HLOD (gloria) e WIG (batalla), polo tanto o posible significado deste nome sería “guerreiro/a famoso/a”. No século IX derivara a LUDOVICUS (ou Lodovicus) xerando o alemán Ludwig e o galego Luís/Luísa ou co cambio de acento; Lois. Hai quen afirma que esta segunda forma procede da forma francesa ELOI (ELIGIUS)


O Salnés é terra de areas e sal? Este macrotopónimo refírese a un “territorio saliniense” onde abundan as salinas, facendo referencia a este elemento na bisbarra pontevedresa. Tamén é terra de area, como testemuñan os numerosos topónimos da zona; Areoso, Arealonga... area é sinónimo de areal na toponimia. Posiblemente a forma Arousa estea relacionada (medieval Arouça e variante Areosa). Dálle nome á Ría e á localidade insular. Tamén se vestiron con este topónimo as “Vilas” do continente (Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa).



“Ademais” non se acentúa? Seguindo as regras xerais da acentuación galega, a forma “ademais” é aguda rematada en polo que podemos pensar que cómpre poñerlle o trazo do til, pero ten un ditongo decrecente. A normativa di que as agudas non levarán acento gráfico se son monosílabas ou se rematan en ditongo decrecente aínda que o fagan en vogal, -n ou -s. Así, por exemplo, amei, amou, seguiu, recibiu, colleu, ademais, capitais, papeis, españois, azuis...Nada ten que ver co til diacrítico de Máis/mais.




Cal é a historia da “moqueta”? Pola forma xa podemos intuír que é unha palabra de orixe francesa (MOQUETTE), trátase dun tecido forte que se usa para facer alfombras, para tapizar ou para complementos de vestiario. O uso xeneralizado da alfombra (de orixe árabe) non se popularizou en Occidente ata o S.XVII. A finais do XIX chamáronlle “moqueta” aos alfombrados das paredes. Facíanse en tear e semellábase ao terciopelo. Os procesos industriais propiciaron o uso da moqueta, tamén como grandes alfombrados en ambientes aristocráticos. No S.XX chegou ao ámbito urbano galego con pouco éxito pola escasa hixiene que ofrecía, resistiu como material provisional en feiras e exposicións. Cómpre non confundilo con “moquete” que é unha “labazada no nariz”!



Sem comentários:

Enviar um comentário

Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: