8/30/2013

O iate que sorprendeu en Malpica:::

Os bañistas que onte pola tarde gozaban dos últimos raios de sol na praia de Area Maior de Malpica de Bergantiños viron como un iate de entre 12-18 metros de eslora se aproximaba perigosamente cara ao areal ata que ficou encallado nel.
Tratábase do Abbie Louise, un luxoso iate privado capitaneado polo londinense Anthony Cryston Boulter quen gozaba dunha tarde de navegación xunto a Nita Doila circundando a costa galega de sur a norte, ían cara á Coruña  pero no estreito que forman o Cabo San Hadrián e as Illas Sisargas notaron como rascaban contra unhas rochas e mais como se lles abría unha vía de auga nos fondos da luxosa embarcación. Os bañistas que aquela hora gozaban do sol en Area Maior viron como o iate se ía achegando á area ata que encallou no medio da praia. O espectáculo en Malpica de Bergantiños presenciábase tanto desde o areal coma desde o paseo marítimo.
Un helicóptero de Salvamento Marítimo inspeccionou a zona para proceder aos labores de rescate. Protección Civil, a Garda Civil e maila Policía Local achegáronse á praia onde xa estaban os socorristas atendendo á tripulación.
Mergulladores e socorristas botáronlle a áncora ao iate, e ataron cabos; o do barco de Salvamento Marítimo co do iate. O remolcador fixo varias manobras ata que conseguiu desencallar o iate e apealo polo mar adiante. 


 Unha vez que o iate foi levado da praia, o espectáculo cambiaba de escenario. Agora era o porto da vila bergantiñá onde hai un varadoiro de barcos, foi o lugar ao que o transportaron para amañarlle a vía de auga


Unha vez subido ao guindastre do varadoiro, remataba o espectáculo na vila, dando bastante tema de conversación e material para os xornais da zona.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Se liches esta noticia, ao mellor tes algo que contar... escríbeo: